A Deputación traballa en máis de 100 estradas de 19 concellos da provincia ante o temporal de neve
- O dispositivo formando por 96 operarios e 48 quitaneves e vehículos traballa dende primeira hora da mañá en municipios da Montaña, a Terra Chá e o sur da provincia, con espesores de entre 15 e 30 centímetros de neve
A Deputación de Lugo mantén despregado dende as 7:30 horas deste martes un dispositivo composto por 96 operarios e 48 equipos para garantir a seguridade e atender as incidencias durante o temporal de neve e acumulación de xeo producido nas últimas horas.
O dispostivo traballa en máis de 100 estradas que discorren por 19 municipios da Montaña, a Terra Chá e a zona sur da provincia. Nestas vías transítase con dificultade polas intensas nevadas das últimas horas, que chegaron a provocar espesores de entre 15 e 30 centímetros, ademais de placas de xeo.
As estradas afectadas discorren polos seguintes concellos: A Fonsagrada, Baleira, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Quiroga, Ribas de Sil, O Incio, Samos, Triacastela, Muras, Vilalba, Ourol e Taboada.
O dispositivo de seguridade mobilizado pola Deputación está formado por 96 operarios, 20 máquinas quitaneves con saleiro, 16 pick up con saleiro e cuña quitaneves, e 12 vehículos todoterreo de apoio. Así mesmo, os 12 silos de sal da Deputación dispoñen de 35 toneladas cada un para conseguir desfacer as placas de xeo que hai no firme e favorecer así a seguridade dos usuarios das vías.